TRABALLO BASE PARA A REALIZACIÓN DO PROGRAMA DE MEDIO AMBIENTE DO GRUPO DE ECOLOXÍA CIENTÍFICA DE GALICIA “ G E C M A ” PARA VIGO E A SÚA ÁREA METROPOLITANA
A presidenta do Grupo de Ecoloxía Científica de Galicia, Nelly Pérez Giráldez, durante a presentación do traballo base para a realización do Programa de Medio Ambiente de GECMA, dixo que: “Pido as autoridades que gobernen para a paz, o desenrolo sostible e a ecoloxía, porque ese é o futuro que necesita o planeta”
Redacción: Xaneiro de 2007.- “ GECMA quere facer un recoñecemento implícito ás orixes do ecoloxismo así como aos grupos e persoas que abriron unha nova vía para a reconciliación do home coa natureza. Así pretendemos abandeirar este tema de gran sensibilidade cidadá e de vital importancia para a vida no planeta, fomentando o asociacionismo que nos axude a realizar un desenvolvemento sostible da cidade. Queremos ser solidarios a nivel global e para iso abriremos canles e mecanismos de participación social eficaz, contando con todos, para que os nosos estudios e acción política, realizados interdisciplinariamente, actúen horizontalmente porque sabemos que o desenvolvemento sostible afecta interadministrativamente ás distintas concellalías e administracións. A administración non pode permanecer inactiva e, ante o cada vez maior grado de protección medioambiental que demanda a sociedade en xeral e a viguesa en particular, vén obrigada a dar unha resposta eficaz e adecuada, que coordine a acción pública orientada á prevención e control da contaminación, á eficiencia dos mecanismos de xestión e ao fomento da participación cidadá.
O noso plantexamento entronca coa definición que se fai de desenvolvemento sostible dende unha perspectiva global-local (GLOCAL). Atraverso desta visión integrada pretendemos que o Concello de Vigo lidere o proceso de sostibilidade que hai anos debería haber feito. Para elo ha comprometerse o traballo de toda a organización municipal no desenvolvemento da sostibilidade dende os marcos de xestión e técnicos, e de democracia participativa que aparecen na Campaña Europea de Cidades Sostibles e nos compromisos da CARTA DE AALBORG e o modelo de xestión socioambiental das AXENDAS 21.
O Concello de Vigo, como cidade e entorno social e ambiental máis grande de Galicia e eixo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, non pode deixar pasar o reto de desenvolver a súa propia estratexia de sostibilidade, con base na Axenda 21 Local, para que deste xeito poda conxugar o crecemento económico, social e político non só para os nosos fillos, senón tamén para os nosos netos.
Hoxe en día está plenamente asumido que un modelo de crecemento desenvolvista e incontrolado non é viable no tempo. Pola contra, o desenvolvemento ten que ser compatible coa protección e promoción do medio ambiente, definindo un modelo de desenvolvemento caracterizado pola sostibilidade.
Calquera proxecto debe permitir atender ás necesidades do presente sen poñer en perigo a capacidade das xeracións futuras para resolver os seus problemas. Por outra banda unha adecuada integración da política medio ambiental na acción política global, permite definir modelos de desenvolvemento a nivel local, integrando patrimonio histórico e natural.
Os membros do GECMA aspiramos a unha sociedade con maiores niveis de benestar, maior cohesión social e maior sostibilidade. Para conseguilo, apostamos por un modelo de crecemento económico equilibrado e duradeiro.
En GECMA temos unha visión integradora da relación do home co seu contorno. Creemos nas políticas de conservación de recursos e de eficacia enerxética orientadas a buscar o desenvolvemento sostible, sen poñer en perigo a renovación dos recursos.
O GECMA é consciente de que as condicións ambientais da cidade afectan e afectarán directamente á saúde e calidade de vida dos cidadáns. Ordenación do tráfico, recollida de residuos, abastecemento de auga, prevención e extinción de incendios, saúde pública,... son competencias municipais que esixen de actividade normativa dos Concellos cun obxectivo claro que guíe as súas actuacións: a sostibilidade. Apostamos por un desenvolvemento sostible que non comprometa a capacidade das futuras xeracións para vivir e desenvolverse. Aí o noso compromiso firme para abordar o medio ambiente de forma integral, coa participación cidadá, e pedimos que desde a Xunta e o Concello, contando con todos, combatamos a contaminación do auga, chan, aire, ruído, degradación de zonas verdes, inseguridade alimentaria e vial, prevención de incendios, despilfarro de auga e enerxía, etc. Conscientes da necesidade de que os cidadáns sexan axentes impulsores do cambio na xestión de residuos, o GECMA comprométese a fomentar campañas de divulgación e concienciación, e participar consolidando a responsabilidade compartida da xestión entre cidadáns, administracións, ecoloxistas e os distintos sectores económicos implicados.
O GECMA ten a vontade firme de coliderar o protagonismo de sensibilización dunha cidadanía comprometida e participativa co desenvolvemento sostible da nosa cidade e propón a actuación decidida da administración local, así como propiciar un gran debate que conte coa participación de todos os axentes sociais e institucionais.
O GECMA , consciente do ámbito xeográfico da cidade e da importancia da súa Ría protexerá o seu ecosistema e propoñerá un convenio á Concellería de Medio Ambiente de Vigo, Consellería de Medio Ambiente da Xunta e ao Ministerio de Medio Ambiente que sirva para a recuperación e xestión integral do vaso marítimo que conforma a ría de Vigo. Este Convenio, acompañado por un Plan especial de Protección da Ría, haberá de abrirse aos demais Concellos abeirados. Consideramos a protección e recuperación medioambiental da ría de carácter estratéxico pola súa importancia económica e social e por representar un sinal de identidade da cidade.
Os maiores contaminantes da Ría proveñen dos vertidos dos asentamentos residenciais e industriais dos pobos ribeiregos e especialmente do Río Lagares, debido ás deficiencias observadas no PSIV e na súa EDAR, creando enfermidades hídricas, problemas sanitarios nas praias, deterioro da riqueza biolóxica, malos cheiros, sensación de cloaca nalgunhas partes e alteamento da Xunqueira - debido ás soltas de lodos - que, unido á reducción das súas ladeiras impermeabilizadas polo proceso urbanizador (rúas, beirarrúas, edificios ou casas, ...), minora a súa función de absorber os excesos das escorrentías fluviais de ambas vertentes do río nas grandes avenidas, coas conseguintes inundacións nas diversas partes da cidade. Factor importante no mal funcionamento da EDAR é a mestura de vertidos industriais*, fluviais e fecais que sobredimensionan a cantidade de líquidos a depurar e producen a morte das cepas de bacterias aeróbicas e anaeróbicas encargadas de eliminar os residuos orgánicos en suspensión nas augas fecais, convertendo a depuradora nun almacenamento de augas sucias, fétidas, altamente contaminantes e aos lodos das decantadoras en inservibles para a súa utilización, polo que ao evacuarse directamente ao estuario producen a morte fulminante de todo o ecosistema, ata chegar a exterminar lapas e mexillóns nas rocas existentes na praia de Foz, estendéndose a mancha en toda a fronte da praia de Samil, tapizando os seus fondos areosos cunha grosa capa de lodo.
Outro dos problemas que afecta á turbiedade das augas deste precioso vaso, coa conseguinte disminución da riqueza planctónica, base da pirámide acuícola, é o cultivo do mexillón (bateas), cuxas deposicións masivas teñen unha notoria incidencia negativa na calidade das augas. Por iso o GECMA propón a absorción periódica das deposicións, para a súa transformación en abono.
* Nota: Neste sentido, nas medidas propostas (punto 2), facemos referencia a creación dun Laboratorio de Área. Para darnos conta do tema, poño como exemplo un dos polígonos industriais do Área Metropolitana de Vigo, aínda que os seus vertidos nos vaian os colectores da EDAR de Vigo, o Polígono de Amoedo, Pazos de Borbén, onde, solo collendo unha das empresas dedica a metalización electrolítica de pezas de plástico (con cobre, níquel e cromo) podemos observar que a investigación pon de manifesto que a empresa ten instalado un total de 124 cubas para o tratamento de superficies plásticas, de 1800 l cada unha, incumprindo todas ás leis de prevención e control de contaminación, así como un deficiente almacenaxe dos residuos industriais. En canto o polígono, dicir que carece de todas as infraestructuras básicas medioambientais: abastecemento e saneamento de augas...
30 MEDIDAS POLA CALIDADE DE VIDA E O DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
1.- O GECMA propón o Pacto Cidadán pola Sostenibilidade que conxugue educación, concienciación e participación cidadá coa acción do goberno local, o desenvolvemento sostible e o medio ambiente no centro de todas as políticas sectoriais. Que a Concellería de Medio Ambiente se convirta na grande área que lle corresponde. Integrando a relación con todas as áreas para que os aspectos económicos, sociais e ecolóxicos estean interrelacionados. Esta política DEBERÍA realizarse dende a Concellalía de Medio Ambiente pero en estreita relación e sintonía có liderado persoal da alcaldía.
Serán as súas funcións importantes, entre outras, a realizar: a concienciación, información, educación e formación do cidadán en temas como: uso do transporte público, conservación do contorno e mobiliario, o ruído ligado ao lecer e a saúde pública, respecto aos animais e á normativa sobre os mesmos, o aforro de enerxía e uso das enerxías renovables, o aforro de auga potable e o uso de augas depuradas para regadíos e mantenemento do cauce e caudal de regatos e ríos, a recolleita selectiva do lixo, a utilización dos espazos públicos e verdes, a ecoxestión e a responsabilidade ecolóxica e social, etc.. En definitiva o GECMA ten a vontade de coliderar o movemento medioambiental, en convenio de colaboración cás institucións nunha cidade, e nunha comunidade, máis concienciada e que sexa máis sostible, na que se definan, tamén, os deberes e dereitos do cidadán nun Estatuto de Cidadanía. Facendo a necesaria divulgación a través dunha REVISTA ESPECIALIZADA E COPARTICIPADA.
Nota.- Non obstante hay temas importantes que afectan a pequenos municipios da área nos que se necesitaría a colaboración doutras institucións, por iso O GECMA, tendo en conta o escaso presuposto nestes temas, propón que a Diputación de Pontevedra e as demais en Galicia, cooperen cos pequenos concellos da área de Vigo, e cos do resto da provincia (as demais nos seus ámbitos xeográficos), no asesoramento e na elaboración de proxectos medioambientais, en temas como: recuperación de espazos degradados, rutas de sendeirismo, deseño de parques e xardíns..., impactos ambientais, medición do ruido, etc. Así como o patrocino de cursos de educación ambiental.
2.- O GECMA propón a implantación dun centro de tratamento, reciclaxe e reutilización dos subproductos líquidos industriais, de magnitude suficiente para absorber a potencialidade industrial do Área Metropolitana, cun servicio de recolleita e transporte a medio de camións cisternas, creando un consorcio para a implantación e mantemento do mesmo entre os industriais radicados neste ámbito, a Zona Franca e las demais administracións públicas responsables do medio ambiente. Así como avanzar na recolleita selectiva, incluíndo os aceites domésticos, usados, potenciando o seu reciclaxe e utilización do biodiésel.
3.- O GECMA acometerá un estudio propio, ou coparticipado, e propón a realización dun alcantarillado separativo das augas pluviais (no que se incluirá as augas subterráneas e de fontes que agora están canalizadas aos colectores xerais e que non entren noutra proposta que se fai máis adiante, no punto 23 deste programa), aproveitando nunha primeira fase as canalizacións existentes, con vertido directo ao mar e ao río Lagares e nunca segunda habilitando microdepuradoras de marxen, como se especifica no punto 6 .
En canto ás novas conduccións de augas fecais deben establecerse coa suficiente sección, pendente e hermeticidade co fin de aforrar enerxía e evitar sedimentacións e malos cheiros.
4.- O GECMA propón un Plan para a rexeneración, preservación e saneamento integral da Ría, que permita ter unha denominación de orixe para os seus productos mariños e no que deberá contemplarse a substitución dos emisarios submarinos por mecanismos de reutilización.
5.- Acadar a xestión global do ciclo da auga: abastecemento, augas residuais, augas libres...
6.- O GECMA propón un saneamento integral no que nin unha soa pinga de auga contaminada vaia aos ríos ou á Ría e para iso estudiará a conveniencia de establecer pequenas depuradoras de augas fecais, ou pluviais, escalonadas nas respectivas vertentes, as cales de ser aconsellables, serán executadas baixo falso rasante dos montes e outras zonas non urbanizables, con reforestación ou axardinamento das súas cubertas. A auga depurada será aproveitada, vertida directamente ao mar ou ao río Lagares, co cal alcánzase maior eficacia na evacuación do auga depurada e alixéirase a concentración establecida na EDAR actual, compensando dese modo o incremento das achegas que a edificabilidade do novo PGOM vai ha xerar. Sen menoscabo do estudio doutra gran macro depuradora (na actualidade está en estudio outra no mismo Lagares), que reúna os requisitos indispensables como: mecanismos de reutilización e a suficiente pendente, hermeticidade,... do seu emisor submarino. (1) (Ver o final deste traballo base para o programa).
7.- Nas rúas de nova apertura, as instalacións de enerxía eléctrica, telecomunicacións, auga potable e gas cidade e demais suministros han de realizarse en galerías de servizos coas suficientes medidas de seguridade e control; sistema que será adoptado tamén na construcción de novos aparcamentos subterráneos baixo as rúas, de tal forma que os cidadáns non sufran as constantes e continuas aperturas e levantamento de rúas e o concello non soporte os gastos, ou parte dos gastos, que comportan os cortes de tendidos eléctricos e doutros suministros, cando se fan as necesarias obras públicas.
8.- Habilitar canteiras esgotadas e puntos limpos para o reciclaxe, machaqueo e reutilización dos materiais inertes procedentes da construcción. Á súa vez, esixiremos o cumprimento da normativa medioambiental a canteiras e explotacións de ceo aberto, así como a realización do saneamento e recuperación de vertedeiros para a súa reutilización. Os cidadáns e as empresas, sobre todo da construcción, hay que darlle posibilidades donde depositar os residuos, se logo se lle quere esixir e sancionar.
9.- O GECMA consciente da necesidade de auga potable para o futuro, apostará polo transvase do Oitaven-Verdugo e a incorporación do Río Miño, incluso estudiando a posibilidade de incorporar un novo encoro debido a necesidade de auga para o futuro da Área Metropolitana e a necesaria adecuación de potibilización de auga ás necesidades de consumo l/s.
O GECMA pide a elaboración dunha ordenanza municipal que teña como obxectivo o aforro e maior eficiencia no uso de auga, así como o apoio a todas as iniciativas que supoñan novas tecnoloxías, instrumentos e mecanismos destinados a o incremento do aforro e a eficiencia do uso de auga no municipio. Tendo en conta a renovación, onde sexa necesario, da obsoleta e envellecida rede de auga, en moitas partes da cidade (punto 24).
O GECMA solicita que se propicie una maior coordinación entre, e cás, administracións competentes e as empresas concesionarias para minimizar as perdas de auga nas conduccións e no abastecemento, priorizando a xestión da demanda, á depuración e á reutilización de augas residuais e pluviais. Neste sentido promoveremos campañas de educación e sensibilización cara a diminuír o uso de auga e na procura dunha mellor xestión, incluído os usos municipais.
10.- O GECMA aposta pola riqueza e medio ambiente forestal, no rural da cidade e na súa Área Metropolitana, así como pola prevención de incendios, para iso habemos de apostar no medio ambiente rural, tanto no forestal como no agrícola, por un Banco de Terra e por un Fondo de Fomento Forestal (punto extraído do programa de medio ambiente do PSdeG, realizado por Tito Gómez Giráldez 1983) que permita ás persoas maiores, que quedan nese ámbito, ceder as súas terras ou montes e recibir a achega dunha cantidade fixa anual, segundo superficie aportada, con cargo a importe da liquidación da riqueza tallada no momento do seu apoxeo ou da riqueza xerada polo cultivo. Esta proposta, a parte da creación de postos técnicos creará man de obra nova no rural e por conseguinte rehabilitarase todo o medio.
11.- A rexeneración de chans e a reforestación planificada das áreas queimadas serán prioridades nas propostas do GECMA .
12.- Sendo conscientes da necesidade de portos deportivos ao longo da costa viguesa, o GECMA aposta por portos que preserven o biótopo, non desvíen as mareas e salvagarden o aporte de larvas e areas ás praias. Desde a óptica do desenvolvemento sostible, e conscientes da necesidade de contar con portos deportivos, aproveitando as especiais condicións da nosa Ría, podemos aceptar a creación de portos deportivos e escolas deportivas náuticas, con celebración de probas marítimas a todos os niveis, potenciando o nivel internacional, requirindo medidas medioambientais tendentes á conservación e protección do medio. Os portos non poden plantexar o seu crecemento sen ter en conta os novos segmentos de crecemento na súa actividade como tal porto. Hoxe vénse desenvolvendo unha nova actividade, que motivado o desenvolvemento das nosas economías, crea un segmento sectorial, a actividade náutica - deportiva e o tráfico de embarcacións de recreo. Isto xera unha nova actividade socioeconómica, coñecida como “Porto deportivo”, a cal como grupo que defende un desenvolvemento sostible non podemos obviar, da mesma forma que debemos de ter en conta que para protexer o medio é mellor desenvolver os portos deportivos con pantaláns de madeira, ou sobre pilastras, que preserven e aumenten o biótopo existente na zona e conserve as praias que poidan haber, de tal forma que sexa compatible o porto e deporte náutico coa conservación do ecosistema, impacto ambiental e praias, no canto de aterramentos que inxustificadamente póidanse realizar.
13.- Puntos limpos na cidade, nos que se debería ter en conta que se habilite tamén a recollida de cds usados
GECMA pide a recollida e posterior traslado para a súa reciclaxe dos cds e dvds usados. Esta petición fundaméntase nos seguintes puntos:
Que na última década desenvolveuse de xeito espectacular o uso de materiais informáticos, incrementándose así mesmo o lixo deste tipo que é xerado.
Que entre os soportes de datos informáticos máis usados atópanse os cds e os dvds, refugándose cada ano millóns de unidades que van parar aos vertedoiros repartidos por toda a xeografía do noso país.
Que actualmente existen empresas que se dedican á recollida e reciclaxe destes soportes ópticos, que están compostos nun 99 % de policarbonato.
Que a normativa actual establece como competencia dos entes locais a recollida e o tratamento de residuos sólidos urbanos.
Considerando que é deber dos Concellos realizar as xestións para un adecuado tratamento dos residuos sólidos urbanos que se producen no municipio, pedimos que se adecuen os puntos para a recollida e destrución da información que conteñen estes soportes, co fin de que os cidadáns e as empresas poidan proceder ao seu depósito para o seu posterior traslado ás instalacións nas que se realice a súa reciclaxe
O GECMA , en Vigo, é consciente de que a cidade non conta con puntos limpos necesarios nalgunhas partes do rural. Pódese realizar un estudio técnico. En principio podemos adiantar: Que técnicos do Grupo de Ecoloxía Científica “GECMA”, con experiencia en sistemas de xestión de residuos, dinnos que sería conveniente situar os seguintes puntos limpos:
a) Zona do Seminario que cubriría parte de Bembrive, parte da Vagunda, parte de Cabral, parte de Sárdoma e Moledo.
b) Zona Tanatorio de Bembrive que cubriría a parte alta de Bembrive, parte alta de Cabral, Mexueiro e todo ese contorno.
c) Zona de Beade - As Carneiras que cubriría Beade, parte alta de Castrelos, Matamá e Valadares.
d) Zona de San Andrés, máis ou menos por onde está Vitrasa, que cubriría San Andrés, parte de Balaidos, Florida, Coruxo, parte de Matamá e parte de Coia.
e) Zona de Bouzas, cubriría a outra parte de Coia, Bouzas, Alcabre, Zona do Berbes e todas as rúas paralelas, a esa zona, ata o centro de Vigo.
f) Zona Centro, onde está a empacadora de lixos (Guixar), cubriría todo Teis e a zona centro de Vigo.
g) Zona Zamanes, dispón dunha canteira abandonada onde a parte da ubicación dun punto limpo pódese utilizar para o machaqueo e reutilización dos residuos inertes procedentes da construcción.
Non son necesarios macropuntos como se suscitan noutras partes de Galicia. Esta nova formulación, entre outras cousas, trae consigo que a man de obra sería practicamente gratis, sen costos para o Concello e un valor de imaxe moi alto. O investimento sobre estes puntos, amén do terreo, oscilaría entre un 5 e un 10% dos custos que ten calquera outro punto dos proxectados polo anterior goberno da Xunta de Galicia (PP), cuxo costo, aproximado, era de 90.000 euros de investimento por punto a parte do terreo. Polo tanto estariamos falando, con esta proposta, dun custo de entre 6.000 e 9.000 euros por punto. O GECMA aposta por reservar unha porcentaxe de empregos en cada punto para minusválidos que se encargarían da atención ao cliente.
O recolleito, unha vez tratado nos puntos limpos, levaríase a uns terreos destinados para este menester nalgún polígono onde se efectuarían os labouras de: enfardar, clasificar e meter en liña de producción, é dicir reciclar e valorizar todo tipo de residuos.
14.- O GECMA pide que o Concello prevea a precaución, cautela e prevención como principio de xestión urbanística, coas medidas cautelares para a concesión ou suspensión de licenzas constructivas para certas áreas e actividades que causen degradación ambiental, nos casos de risco dun impacto previsible.
15.- O GECMA aposta por un consumo de recursos proporcionado ao crecemento poblacional previsto e as súas necesidades, incrementando as zonas verdes e evitando a destrucción dos espazos ambientalmente valiosos, elaborándose un censo de zonas verdes de titularidade tanto pública como privada.
16.- O GECMA propón a realización dun estudio da paisaxe, profundo e completo, que contemple a incidencia de visibilidade global do territorio.
17.- O GECMA aposta pola protección da calidade atmosférica e acústica, así como a lumínica. O GECMA propón un estudio sobre a contribución directa e indirecta das emisións locais de gases de efecto invernadeiro no cambio climático global co fin da súa reducción ou control. O GECMA propón que se realize unha cartografía sonora co fin de delimitar as zonas sensibles acústicas e saturadas, así como as lumínicas, co fin de estudiar as medidas preventivas e correctoras.
18.- Enerxía. O GECMA é consciente da necesidade de enerxías para o futuro: aposta polas enerxías renovables. As enerxías renovables outorgan a vantaxe dun menor impacto ambiental e son á súa vez fonte de riqueza e emprego e elemento fundamental de innovación, desenvolvemento tecnolóxico e competitividade. O GECMA aposta pola diversificación enerxética.
Polo momento non ofrece preocupación a disponibilidade de potencia eléctrica na cidade e na súa área. Non entanto quédanos o desenvolvemento da enerxía eólica, solar… e outras alternativas de menor rendemento.
Do mesmo xeito que a auga, o aforro da enerxía, sobre todo da que emite contaminación atmosférica - calefacción, automóbiles, .... - é necesario. O aforro debe facerse a través de políticas de concienciación, primándoo, posto que a enerxía menos contaminante é a que non se consome. A regulación da enerxía eléctrica require que se volva a poñer en vigor a lei do 94 (PSOE) que é a máis apta para o aforro enerxético marcado pola directiva europea.
Faise necesaria a implantación de unha Ordenanza Municipal de Captación Solar Térmica, co fin de implantar esta tecnoloxía en edificios de nova construcción, así como edificios oficiais, completado cun Plan de Eficiencia Enerxética do alumeado público e sinalizacións viarias.
Hai que admitir que teremos que instalar xeradores eólicos, respectando os espazos emblemáticos e protexidos, ou correr o risco da enerxía atómica, xa que a enerxía hidráulica dos ríos tocou teito fai tempo, polo que é necesario aplicar nos pantanos actuais medidas correctoras (escala permanente de peixes, bombeos con enerxía eólica nocturna -en horas valle-, etc.) para restablecer o ecosistema, primando os proxectos de maior resolución técnica e menor impacto medioambiental, cousa que non sucedía co anterior goberno da Xunta (PP).
En definitiva, con vistas ao futuro, necesitamos apostar por unha enerxía renovable, limpa e de alto rendemento. O hidróxeno, a eólica, o aproveitamento do oleaxe, a solar e a de fusión, cando haxa tecnoloxía suficiente, entre outras, poden ser enerxías interesantes a potenciar. Ata algunha delas poden ser enerxías propias do área metropolitana viguesa, vendendo o excedente ás empresas que controlen a rede.
19.- Creación da Oficina Municipal do Defensor do Medio Ambiente, elaborándose unha memoria anual, así como un Consello Municipal de Medio Ambiente, participado por a Universidade, organizacións veciñais, ecoloxistas e cidadáns relacionadas co medio ambiente.
20.- Propón a elaboración dun Plan Integral de Prevención de Inundacións.
21.- Conseguir para Vigo a cualificación de Municipio sostible de Galicia, figurando a nosa cidade na cabeza da protección medioambiental non só de Galicia, senón do resto de España.
22.- Reorientación da fiscalidade, mediante a incorporación de impostos ecolóxicos e beneficios e exencións fiscais a través das Ordenanzas Municipais reguladoras de tributos municipais, co fin de reducir o uso de sustancias perigosas e penalizar a xeración de residuos e as emisións contaminantes. Asemesmo, proporemos un novo sistema de tarificación no consumo de auga potable que potencie o aforro.
23.- Elaboración dun Plan Municipal de Protección e Recuperación de Ríos, Augas Subterráneas, Fontes e Humedales. Nas fontes, sabendo da costume cidadá e aplicando o punto 26, terase en conta tanto as de auga potable como as de manantiales para utilidade de consumo, sinalizando a súa calidade e características.
24.- Estudiar a posibilidade da elaboración dun Plan Integral de Abastecemento e Saneamento (o PESIV está obsoleto) para todo o municipio, así como un estudio do mesmo a nivel de área metropolitana.
25.- Fomento e incentivo do transporte público menos contamínante (tranvía, ferrocarril, metro lixeiro... ), tanto a nivel urbano como intermunicipal.
26.- Propoñemos a creación dunha Rede de Vixilancia da Calidade do Auga, tanto dos ríos como das augas costeiras, así como de protección de augas subterráneas, elaborando un Mapa municipal de todos os recursos acuíferos.
27.- O GECMA na súa aposta pola política urbana de desenvolvemento sostible e respecto ó medio ambiente, propón que o Concello realize as bases e posta en marcha dun Plan de Estratexia local para a calidade do aire, incluíndonos na “Red Española de Ciudades por el Clima”.
28.- O GECMA proporá o Concello e ás consellerías de Medio Ambiente e Educación o fomento e apoio a creación e desenvolvemento das Ecoescolas nos centros educativos da nosa ciudade.
29.- Incorporar os pregos de condicións criterios e requisitos medioambientais, nos procesos de contratación.
30.- Incorporación de aparcadoiros de bicicletas nas prazas e espacios públicos, empezando pola Praza do Rei.
-----------------------------------------
(1) NOTA: A Xunqueira do Lagares, como espacio físico, ten a función de absorber os excesos das escorrentías fluviais de ambas vertentes do río nas grandes avenidas, reducindo as devanditas ladeiras o seu poder de absorción a medida de que se impermeabilizan no imparable proceso urbanizador (rúas, beirarrúas, edificios, ...), co que as escorrentías increméntase nun menor tempo.
A reducción do vaso da Xunqueira, o seu alteamento ou a instalación dunha esclusa ou outra obra allea - non suficientemente ben estudiada-, carrexaría os efectos seguintes:
a) O aumento das sedimentacións dós arrastres das ladeiras no reducido espacio do estuario.
b) A formación dunha barra de area unindo as praias de Samíl e da Foz, tendencia contrastada cos ventos do norte e mar de fondo.
c) Inundacións en distintos puntos da cidade, especialmente en: San Andrés de Comesaña, Castrelos, San Miguel de Oia, Balaidos, Sárdoma, etc.
(*Como complemento o estuario, aconséllase tanques de tormenta nalgúns puntos da cidade).
Outro punto importante a ter en conta:
O estuario e a súa xunqueira, como ámbito ecolóxico, cumpre os seguintes fins:
a) O regular os excesos e carencias de fosfatos que o mar - neste caso a nosa ría - necesita para o seu constante equilibrio.
b) O mantemento dunha fauna e flora, en vías de desaparición, sendo a despensa das especies acuícolas ribeiregas, desde o camarón á solla, sargo, etc.
c) Existencia dun área de augas con determinado grado de salinidade, cuxa alteración, por exceso ou por defecto, producirá a desaparición deste biótopo.
Queda pois claro, con esta simple exposición, a necesidade dun estudio profundo que aposte pola recuperación integral do estuario e a súa compatibilidade con obra allea. PARA EVITAR A CONSTITUCIÓN DUN DELITO ECOLÓXICO.
Publicado por GECMA en 10:42 a 2 de xaneiro de 2007
sábado, 30 de junio de 2007
TRABALLO BASE PARA A REALIZACIÓN DO PROGRAMA DE MEDIO AMBIENTE DO GRUPO DE ECOLOXÍA CIENTÍFICA DE GALICIA “ G E C M A ” PARA VIGO E A SÚA ÁREA METROPO
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario